miércoles, 22 de diciembre de 2010

CANTIGA DE BERCE POLO NADAL




Durme, meu fillo


durme tranquilo


que vén o Apalpador


deixarche un regaliño.




Aí vén o Apalpador,


o carboeiro do Courel,


vive ao pé do carbón


trae castañas con mel


e tamén trae turrón.




Dende os cumes do Courel


trae as castañas quentiñas


para que nenos e nenas


as coman á mañanciña.




O Carboeiro vén correndo


tede a barriga cheíña,


tende coidado, meus nenos,


de que non vos leve axiña.






























miércoles, 15 de diciembre de 2010


PREMIOS CONCURSO “OUTONANDO”
2010


PREMIO MELLOR RELATO (Secundaria):Lucía Surribas (4º ESO)

PREMIO MELLOR RELATO (Primaria):Sandra Caíño (6º curso)

PREMIO MELLOR DEBUXO: 4º Primaria, (colectivo)

PREMIO MELLOR MANUALIDADE:
Sheila Nóvoa e Miriam Carballo N(3º Primaria)
Alumnado de PT (1ºCiclo Primaria)
Alumnado de 2ºA (Primaria)

jueves, 9 de diciembre de 2010

OUTONO CHUVIOSO


Outono outonando
Chove de vez en cando.

Outono outonán
Móllame o chan.

Outono outonombo
Píngame o lombo.

Outono outoniño
Bota un pingüiño.

Outono outoneiro
Na túa época saen os cogumelos.

Outono outonín
A xente asústase co Samaín.

Outono outonallo
Un bolo preñado.

Outono outollás
As árbores raparás.





CELIA GUZMÁN e ADRIÁN PEREIRA (6º PRIMARIA)

martes, 23 de noviembre de 2010

miércoles, 17 de noviembre de 2010

HISTORIAS PARA SAMAÍN


Cando o rapaz saíu da cociña encontrouse cunha risa malévola…Na parede estaba pintado: “TI SERÁS O SEGUINTE”. Dirixiuse á porta e atopou nela un individuo con careta…
Ao espertar atopouse na cama empapado en suor. Todo fora un soño, pero…¡a pintada seguía alí!

FRANCISCO BLANCO (3ºESO A)



Era robusto e tiña a pelaxe abundante e negra como o carbón. Os seus ollos eran dunha cor encarnada brillante…Fun dando pasos, consciente de que, se agora me puña a correr, coas pernas paralizadas como tiña, caería apenas comezase a moverme...

Sentín outro ruxido que fixo tremer o chan…Espertei suando e tremendo coma unha folla…


JANET MONTEIRO (3º ESO A)







Foi entón cando comecei a decatarme de que estraños ruídos proviñan de toda a casa. Baixei. A porta estaba aberta. Cerreina de contado. Unha man tocoume o ombreiro!. Tentei mirar quen era. Só puiden ver unha luva de cor negra. Non me puiden virar…
O terror invadiume o corpo.

NATALIA RODRÍGUEZ (3º ESOB)



Aínda despois de pasar moitos anos, ninguén se atreveu a comprar aquela casa. Mercouna unha familia, vendo o seu baixo prezo. Declararon non poder baixar nunca ao soto, porque ao facelo, comezaban a sentir frío
e a sensación de seren perseguidos por alguén…No xardín ás tres da mañá sempre
se escoita a mesma risa macabra…
O espectro daquela muller dá voltas pola habitación, chora en silencio e a súa risa trasfórmase nun laio de rabia.



DÉBORA (3º ESO A)






...E alá fomos. María era moi valente
e eu trataba de dar a mesma impresión, pero, claramente, estaba a piques de chorar. De súpeto escoitei falar a un home …era a radio!...Acendérase soa!!! Eu xa non sabía se saír correndo…Permanecín quedo, pero cando me recuperei …oíno!, oín a Lois. Xúroo! Sentín unha mistura entre medo e humidade.

LÍA PEREIRA (3º ESO A)




O vento movía as follas das árbores que facían un son moi agudo, coma cando un asubía . De repente quen aparece non é Xosé senón un morcego negro con ás enormes . Jacob quedou petrificado sen saber que facer…
De súpeto sentiu aqueles dentes brancos afiados coma coitelos e dende aquela Jacob convertérase en vampiro e nas noites de Samaín sae a chucharlle o sangue a todos os que estean no monte.

DAYNÉ SÁNCHEZ ( 3º ESO A)













Camiñamos moi decididos, pero ao chegar alí un frío arrepiante empezou a pórnos a pel de galiña. Algo malo ía pasar. Decidimos liscar, pero a sorpresa foi que ao fondo do camiño polo que tiñamos que saír, había un ser estraño, grande e agochado. Eu batía os dentes
e Laura non paraba de chorar.
De repente o vulto levantouse e díxonos:

“Tranquilos nenos, que somos nós!!!”


MARTA VÁZQUEZ DACAL (4º ESO A)


Na noite de samaín os adultos apagaban as luces e agardaban a que a noite volvese a tocarlles o lombo. E a quen lle tocase é que ía morrer nese mesmo ano. Esa noite era especial. A xente tentaba vestirse de xeito fúnebre para evitar a atención da morte….

JOEL LOVELLE SEOANE ( 4º ESO B)



A néboa comezaba a esvaecerse nese lado da casa e puiden ver aos lobos fitando cara a min e salivando ao ulir a súa próxima comida. Sorrinlles e eles en resposta alzaron o volume dos seus ouveos en compenetración tal que semellaban a orquestra dirixida pola batuta
dun director.
LUCÍA GARCÍA SURRIBAS (4º ESO A)

lunes, 25 de octubre de 2010



A CASTAÑA PILONGA






Érase unha vez unha castaña chamada Pilonga. A Pilonga encantáballe o outono porque era a época das setas.

Un día foi chamar á súa curmá Pepa e á súa irmá Loli:

-Pepaaa, Loliiii. ¿Queredes vir ás setas ou aos cogumelos se vos gusta máis?

-¡Vale!- dixeron.

Puxeron as botas, unha viseira, colleron unha cesta e marcharon cantando e asubiando polos sendeiros que ían ao bosque.

De súpeto atopáronse coa súa veciña Esplendidia.


-¡Ola Esplendidia!Ti saberías dicirnos onde hai setas?- dixéronlle.

-Pois claro que si, vinde tras miña, xa veredes cantas atopamos.


Andiveron ata un silveiro.

-Aquí hai moitas- dixo Pepa.

Despois atravesaron un camiño cheo de herbas. Ao pasar as herbas toparon cun home chamado Pepiño que tiña moitas cabras.

-¡Ola Pepiño! ¿Ti saberás on de hai setas?

-Si, alí hai moitas, naquel prado.

-Grazas pola información- dixo Loli.

Déronse de conta que Pepa escapaba correndo porque lle tiña moito medo aos cans e ás cabras.

Despois camiñaron un pouco ata unha carballeira.


-¡Mirade, aquí hai moitas!-dixo Loli.

De repente escoitaron un ruido e foron correndo a ver que era.

Unha moto pasou diante delas a toda velocidade. Montaran un circuíto de motos alí mesmo.

-Agora ímos para casa. Xa temos moitas e non me gusta este barullo.

Marcharon e ao chegar loli tivo unha gran idea.

-¿Por que non invitamos ás nosas amigas e amigos a unha festa?

-¡Pois claro. Boa idea!

E na festa fixeron un revolto de cogumelos



SARA GONZÁLEZ 3ºA (PRIMARIA)





jueves, 21 de octubre de 2010















O OUTONO


Naquel mes do verán

aló no caluroso Agosto

púxose a contar o home

e cando parou xa era o Magosto.


No tempo da vendima

cando dá froito o bidueiro

a xente deste sitio

marcha toda para Cudeiro.


Aquel home vén vestido

na cabeza leva un sombreiro

cando viu a árbore, abaneouna,

pois era un castiñeiro.

BRAIS FERNÁNDEZ 5º A

lunes, 4 de octubre de 2010








CONCURSO “OUTONANDO”

¿Queres participar?

-Podes presentar manualidades (cos produtos da tempada), debuxos, refráns, poemas, lendas ou relatos que teñan como temas o Magosto, o Outono, o Samaín ...
-…E para os que aínda non saiban escribir, poden presentar algún debuxo ou manualidade relacionados con eses temas.

-Remata o prazo o día do San Martiño (11 de novembro).

- ¡Os mellores serán premiados!

viernes, 10 de septiembre de 2010

Benvidos Faíldiños e faíldiñas!



Un curso máis a comezar. Espero que veñades con ánimo para enfrontarnos a novos retos, xuntos poderemos levalos moito mellor.



Lémbrovos que tedes unha chapa identificativa e anímovos a levala con orgullo.

lunes, 7 de junio de 2010

LUNS: VISITA DE SECHU SENDE








Ás veces non é doado para un neno entender aos maiores. Teñen cada cousa... perden a lingua, encabúxanse por nada... Son coma nenos, cativos vestidos con pantalóns que lle veñen grandes.

Con estas pequenas dramatizacións pretendemos amosar a necesidade de entendemento no mundo dos grandes... e máis no dos pequenos.

Adaptación teatral dos textos:

"Oficina dos obxectos perdidos" de Sechu Sende.
(Interpretado por Ricardo e Erika de 3º de ESO B)

"Nin en soños vou perder a miña lingua" de Sechu Sende.
(Interpretado por Laura Salgueiro de 4º de ESO B)

"Os grandes" de Neira Vilas.
(Por María Fdez de 3º de ESO A)

"A fala é o único sítio onde seguen vivos os antepasados, a única forma audible de supervivencia" Uxío Novoneyra



Xosé Luís González Sende, iniciouse como poeta vinculado ao Colectivo Poético Serán Vencello, formando parte da xeración dos 90. Despois revelouse como un dos grande narradores do século XXI. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa.
PUBLICACIÓNS: "Odiseas" (1998). Poesía.
"Orixes" (2003). Novela. Premio Blanco Amor
"Made in Galiza" Premio Anxel CasalConsiderado como o Mellor Libro do Ano pola Asociación de Editores Galegos

lunes, 31 de mayo de 2010

PROGRAMA DA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

PROGRAMA DA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS
CALENDARIO SEMANAL

LUNS, 31 DE MAIO ( de 12, 20 a 14,00)



- Chegada ao centro do escritor Sechu Sende ( benvida, dramatización e charla)

- Representación de “A Pepa Loba”(Primaria, ás 14,30



MARTES, 1 DE XUÑO (30 minutos)



-Adaptación teatral con marionetas de “A esmorga” ( de E. Blanco Amor)

-Tamén para primaria



MÉRCORES, 2 DE XUÑO ( toda a mañá)



- Realización dun treito do Camiño de Santiago con dramatización no camiño de “A Pepa Loba” (Secundaria)

- Edición da Revista Escolar “Furafollas 2010”



XOVES

- Xabier Blanco: “Percorrido pola música galega tradicional” ( unha hora para Primaria -de 10.30 a 11.30 e outra para Secundaria- de 12.30 a 13.30 )



VENRES,3 DE XUÑO ( 30 minutos)

- Representación da obriña teatral “Era unha vez unha clase …” feita polos profesores do centro.

- Representación teatral da obriña “No autobús escolar”

martes, 9 de marzo de 2010

 ¡ Atención, faíldiñas e faíldiños!


¿ Queredes participar na nova edición da revista escolar, O Furafollas 2010?


Velaquí algunhas ideas que poden axudarvos, tendo en conta a vosa idade e ciclo:


- ETAPA INFANTIL:

  Debuxos

- PRIMARIA:

 1º ciclo: debuxos.

 2º ciclo: adiviñas, contos, refráns, chistes , debuxos...

 3º ciclo: comics, contos, chistes, debuxos, sopas de letras, poemas...

- SECUNDARIA:

1º e 2º ciclo: artigos de opinión, lendas, comics, poemas, contos, adiviñas, adicatorias, encrucillados e… outras historias.

 
    ¡ Non vos descoidedes ! Remata o prazo o día 30 de Abril.

martes, 2 de marzo de 2010

PREMIOS DO CONCURSO “PALABRAS PARA NAMORAR”



Premio Mellor Poema. Secundaria: LAURA SALGUEIRO 4º ESO

Premio Mellor Poema. Primaria: DANIEL GLEZ PAULO 6º PRIMARIA

Premio Mellor Narración. Secundaria: DAMIÁN CONDE 4º ESO

Premio Mellor Narración. Primaria: CLAUDIA ESCAPA 6º PRIMARIA

Premios Mellores Manualidades: SANTI, HÉCTOR (PRIMARIA)

Colectivo: 1º e 2º de PRIMARIA

jueves, 11 de febrero de 2010

Queridísima avoa :

Hai tres anos que non te vexo e estráñote. Pola noite penso en ti e é entón cando sei que non te vou volver ver. Supoño que ti desde aí arriba me estás vendo .

Teño moitísimas ganas de darche unha aperta moi forte e non soltarte nunca. Dende que te fuches ese Nadal, esa época está chea de tristura e xa non é a mesma sen ti. As panxoliñas xa non teñen música, os regalos xa non son sorpresa.

Espero que estas verbas cheguen a ti. A verdade, non sei como!

Espero que estas verbas non sexan verbas gardadas nun caixón. Esquecidas.

Bicos


                                               CLAUDIA ESCAPA (6º PRIMARIA)
SEN BARREIRAS


Amor: verba

Rula: verba

Agarimo : verba

Ceo: verba

Quérote: verba e verbo, ELA e EL


  Dous e dous, SEN CATRO
. Relación , sen amor, TEATRO
. Un e un , SON DOUS ¡DOUS!


MATERIA PRIMA


Respecto+ apoio + compromiso= sinxelo
Eu e mais Ti = O CEO

                        LAURA SALGUEIRO ( 4º ESO B)
NA TENDA DAS PALABRAS

Ana convidárame á súa festa de aniversario e eu non sabía que palabra mercarlle(…)

Quería algo que fose orixinal e ao mesmo tempo que lle gustase…

No escaparate había o de sempre: para as vodas, un “ que sexades moi felices”; para o día de San Valentín, un “Quérote”… Decidín entrar e a dependenta preguntoume:

-Pódolle axudar?

- Si…-contesteille nerviosa – A miña mellor amiga celebra o seu aniversario e quero comprarlle unha frase especial.

- Velaquí ten o catálogo. Hai de todo: simples palabras, frases, oracións compostas…

- Verá… eu quería… unha frase diferente que exprese todo o meu agradecemento cara a ela e ao mesmo tempo que a poida definir.

- Iso vai ser difícil: precisará mercar algún verbo, algún adxectivo… A cousa será algo custosa.



Non sei canto tempo pasei alí pasando páxinas, pero cando ía saír vin unha palabra que significaba moito para min e para ela tamén:


AMIGA.

Souben entón que non fai falla gastar moitos cartos para desexarlle o mesmo que ela me desexaría a min.

                                                                                          ROXANA DOVAL BLANCA (4º ESO B)

martes, 9 de febrero de 2010

EMIGRANTE



Distancia               Frío               Mocidade          Soidade


Recordos esvaecidos no tempo… Os verdes prados, a música acompasada da choiva escorrendo polas túas meixelas. Respirar e sentir como viaxa o arrecendo único da túa figura polas miñas veas. Miro arredor e sinto que me falta algo meu. Ergo a vista e sinto que me falta algo meu, Es ti. Alzo a vista e non te vexo máis alá do horizonte. Mais teño medo de esquecerte…

Formas parte de min. Fuches ti a que me deu a vida e a que me viu medrar, vivindo protexido na túa pel, sempre húmida e morna, coa que compartín momentos inesquecibles. É a ti a quen lle debo todo, pero o sufrimento, a dor, a fame…afastáronme de ti. Tiven que abandonarte e comezar unha vida lonxe, aínda que sempre estiveches aquí pertiño, no meu corazón.


Sei que voltarei a ver o teu fermoso rostro algún día e descansando para sempre na túa man, a carón do teu latexo e sentirei que esta terra está viva eternamente.


Sempre miña, GALICIA.



DAMIÁN CONDE ( 4º ESO)

lunes, 18 de enero de 2010

concurso PALABRAS PARA NAMORAR

CONCURSO “PALABRAS PARA NAMORAR"




¿Queres participar?



-Podes presentar poemas, cartas, relatos, lendas…que teñan como temas o amor e a amizade.

-…E para os que aínda non saiban escribir, poden presentar algún debuxo relacionado co tema.



-Remata o prazo o día 18 de febreiro .



- ¡Os mellores serán premiados!